|
O BNG do Condado celebrará o vindeiro sábado 5 de xullo na Praza Maior de Ponteareas a 'Festa Nacionalista', que se enmarca na campaña 'Cremos no noso País'. Os actos comezarán ás 19.30 horas cunha actividade de animación na rúa para nenos, ás 21.00 horas terá lugar o mitín no que intervirán Sandra Arauxo, responsábel comarcal do BNG, Roberto Mera, membro da Executiva Nacional do BNG, e Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Solo na Xunta de Galicia. Para rematar a xornada ás 22 horas haberá un concerto de música folk.
A través dun comunicado, o Bloque Nacionalista Galego anuncia que está organizando máis de 200 actos por todo o país, "para logar convocar a maior mobilización do nacionalismo na festividade do Día da Patria", que se celebrará o 25 de xullo e que acollerá a tradicional manifestación en Santiago de Compostela. Segundo Sandra Arauxo, o BNG puxo en marcha a campaña 'Cremos no noso País' para explicar a acción de Goberno "transformadora e positiva para Galicia desenvolvida polo nacionalismo desde a Xunta durante estes tres anos".
|