A Comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONGD, organiza o sábado 10 de maio, unha xornada de promoción do Comercio Xusto en seis cidades galegas, coa colaboración da dirección xeral de Xuventude e Solidariedade.
Con motivo da celebración do Día Internacional do Comercio Xusto, algunhas organizacións da Comisión de Comercio Xusto: A Cova da Terra, Amigos da Terra, Axuda en Acción, Intermón Oxfam, Panxea, Solidariedade Internacional de Galicia e Taller de Solidariedade, decidiron poñer en marcha unha actuación conxunta de promoción do Comercio Xusto en Galicia. Así, nas principais cidades galegas, estas organizacións levarán a cabo durante un día enteiro (de 11.00 a.m a 20.00 p.m) actividades, exposición, venda e degustación de produtos de Comercio Xusto; actuacións musicais, contacontos, teatro de rúa e outras actividades lúdico-educativas para nenos, nenas e maiores.
En Vigo, na Praza América, poderase desfrutar de degustación de produtos de Comercio Xusto; obradoiros de pintura de cara, elaboración de marcos de fotos con sementes de café e elaboración de cociña fría para adultos con produtos de Comercio Xusto. Actuacións musicais a cargo de Danzas do Mundo e Timqus Bolivia. |