|
O Centro Cultural Caixanova de Vigo acolle esta fin de semana (venres 13 e sábado 14 ás 20.30 horas) dúas funcións do espectáculo 'Estigma', resultado do proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego (CDG) DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.
Con 'Estigma', o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 e faino coa aposta por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos 70 e incorporados ao sistema teatral galego.
Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asume tamén a dirección escénica de Estigma, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballan na montaxe do espectáculo son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).
Morte, terra e memoria
Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta narrada en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano.
Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións difentes segundo a mirada de cada autor - aínda que coherentes.
A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.
Venda de entradas
As entradas, con prezos comprendidos entre 7,20 e 12 euros están xa á venda na páxina web www.caixanova.es ou a través do teléfono 902 504 500. Tamén poderán adquirirse na billeteira do Centro Cultural, os mesmos días das representacións en horario de 11.00 a 14.00 horas e a partir das 18.00 horas. |