|
O Circuíto Cultura Vai 4x4, achega a Gondomar a música folk e tradicional co concerto hoxe sábado 17 ás 22.00 horas de Treixadura no Auditorio Municipal Lois Tobío. No espectáculo 'Unha semaniña enteira', xúntanse dúas concepcións ben arraigadas na música da nosa terra: o canto e a gaita, o Orfeón Treixadura e Treixadura Gaiteiros; a música tradicional salvagardada polos coros decanos galegos, as cantigas populares que arrouparon a gaita no século pasado, as melodías de gaita que máis prenden en nós, as novas cantigas que Treixadura "peneira no seu tremiñado". Convidan a cantar e a ser partícipes desta nova xuntanza musical que tamén é do público.
Ademais de Treixadura o sábado, actuará en Gondomar, dentro do circuito 4x4, Quempallou este domingo 18 de maio ás 20.00 horas, Faltriqueira o sábado 24 ás 22.00 horas e Fía na Roca o domingo 25 ás 20.00 horas.
Todos os concertos se desenvolverán no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. A entrada a cada concerto custa 3 euros, e reducida 2 euros.
É unha iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. |