Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Opinión
NOVE ONDAS

Marea vermella

por Rosa Aneiros - 01/07/2008

Aló foi a crise. Temémola polos agoiros funestos, botóusenos enriba como unha peste hai unhas semanas, laiámonos adoecidos polos lategazos no peto e, de socato, aló foi. Á volta de setembro xa se verá. ¿Atentados terroristas? ¿ETA, que era iso? ¿A ameaza islamita? ¿Golpe á pederastia en Internet? ¿Pesimismo histórico? ¿E Raúl, quen era ese tal Raúl? ¿O Castro, o que substitúe a Fidel? Ninguén sabe como pero todos eses problemas cotiás fuxiron.

Zadie Smith, a nova escritora británica, fala no seu afamado libro Dentes brancos da tradición como o novo opio do pobo, un máis aparentemente neutro e riquiño que, en realidade, agocha cadeas terribles para quen se somete a ela. Ela escribe: "Se a relixión é o opio do pobo, a tradición é un estupefaciente máis sinistro aínda, sinxelamente porque case nunca parece sinistra. Se a relixión é unha cinta de goma apretada, unha vea palpitante e unha agulla, a tradición é un preparado máis caseiro; unha cunca de te con grans de papoula triturados, ou de cacao adubado con cocaína; cousas que podería facer unha avoa." Talvez non lle falte razón á británica. Pero se a tradición é o opio sinistro, o fútbol chega cando menos, a relaxante muscular. Unha composición química que aletarga nunha nube pracenteira, inhibe a dor e a capacidade de reacción e, tamén, crea unha perigosa adición. Un acto deportivo que viste da camisola política para maior gozo dunha cadea de televisión comercial e a órbita de poder obsesivamente centralizadora e xeradora de opinión. ¿Ou acaso alguén lembra que unha marea vermella é un fenómeno natural de proliferación fitoplanctónica que pode ser tóxica para organismos filtradores como os bivalvos?

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 47 votos
¿Cree que es suficiente la partida que los Presupuestos Generales del Estado destinan a Vigo y su área de influencia?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com