|
Di unha cantiga do grupo ferrolterrán Saraibas que "os deputados galegos/ sonche moi ben educados:/ falan moi ben nesta terra/ e en Madrid están calados". Esta máxima, que desde que soou esta cantiga a principios dos oitenta até o de agora segue a ter toda a súa vixencia, non é nin moito menos o peor que nos pode acontecer: peor é aínda cando en Madrid non calan, senón que din o contrario do que cantaruxan (ledamente) por estes pagos.
Falaba este xoves o presidente da Xunta, Pérez Touriño, sobre a votación no Congreso na que se aprobou, a iniciativa de PP e BNG, esixir ao Goberno que cumpra cos prazos do AVE galego, co voto en contra do PSOE, manda fillos non natos de galiña. Adoezo por saber se entre estes deputados socialistas había algún galego, porque parece ser que a sesión non foi precisamente concorrida (debe ser en protesta polo pouco que cobran as súas señorías, ou "señoritas/os"). O conto é que Touriño coida que o voto en contra do PSOE debeuse a que "faltou cintura" (ou van, en bo galego), non sei se por parte dos seus compañeiros de partido ou de quen, pero o conto é que ao presidente da Xunta pareceu que non lle gustou o voto dos seus correlixionarios deputados.
Pois non, señor Touriño. O problema das infraestruturas en Galiza (con perdón) non é de van nin de carencia del. Se lle quere procurar unha explicación anatómico-autonómica, pense que pode ser máis ben unha cuestión de pescozo. Ou de mans. Ou de ambas as cousas: mans nos pescozos, por exemplo. Afogamento, que se di en linguaxe macabro-coloquial. Ou se cadra, tamén é un problema de costas, e non as marítimas precisamente. Da cantidade de veces que aos galegos nos dan as costas os sucesivos gobernos do Estado, sexa-quen-sexa o seu titular. Non cre vostede?
E non me faga seguir coa anatomía, porque como vaiamos máis abaixo das costas poderíamos atopar outras explicacións máis perigosas. Ou para ser máis concretos, cando aos galegos nos dan algo desde Madrid, con frecuencia nos dan aí onde as costas deixan de chamarse así. É o malo de que nos "falte van": así nos quedan uns cadrís moi provocativos. |