Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Opinión

Zapatero xoga ao despiste

por Navia Franco - 24/06/2008

Pasaran 24 horas da gloriosa vitoria da selección española sobre a italiana e a canle de televisión Cuatro deulle a oportunidade a Zapatero de cortar un anaco da torta de éxito futbolístico e convertelo en boa xestión "zapateril". Iñaki Gabilondo, rendido á bota do presidente, xuntou o xefe do Executivo, o seleccionador e o gardameta do equipo español co ánimo de conseguir un novo formato televisivo a cabalo da entrevista, o coloquio e a propaganda menos sutil.

Coma un de tantos, o día no que Aragonés se nos fixo máis simpático o presidente Zapatero viu o partido coa súa esposa e coas fillas a través da canle privada de Sogecable. El mesmo recoñeceu o mal que o pasou durante os momentos de incerteza do encontro e que había moito tempo que non aturaba "tanta tensión e tantos nervios". Escravos das súas palabras, os políticos adoitan crer que as posúen e que poden conformar outro mundo paralelo ao real empregando a amplificación sonora dos micrófonos. Con estas declaracións, o presidente socialista recoñeceu a tranquilidade coa que vive no seu cargo e a pachorra coa que afronta a crise sen nome de crise pero con toda a pinta de crise que está a vivir o país que dirixe.

Facendo gala dun españolismo poucas veces tan ostentado, o xefe do Executivo foi tallante na súa intervención patriótica: "Os españois necesitaban ver unha vitoria destas características", afirmou con optimismo renovado o encargado de levarnos polo bo camiño económico. Pouco prudente, aínda se atreveu a recomendarlle ao técnico Luis Aragonés unha táctica na que el semella ser doutor e catedrático: "Agardo que con Rusia fagas, Luis, algunha xogada de despiste que me consta empregaches noutros partidos".

¿Que estratexia ten o equipo seleccionado por Zapatero para frear a belixerancia da crise? O recorte do 70 por cento da oferta de emprego público para o ano 2009 e a conxelación do soldo dos altos cargos do Estado son dúas disposicións estrela cun impacto limitado dun conxunto de 21 medidas presentadas como un paquete que, coma sempre, ben atado cun lazo ben bonito e que, en canto se desata, decepciona.

Como se se tratase dunha nova mensaxe encuberta para sumar aos centos que levamos, Zapatero amosoulle o seu apoio á selección española cun "podemos, podemos, xuntos podemos" que soa algo tráxico dito na situación que vivimos. Esperemos que non bote o balón fóra e recaia no lombo dos "españolitos" de a pé a misión de frear a crise.

En fin, recomendémoslle humildemente ao presidente un plan de austeridade sobre as súas intervencións públicas, non é cousa de seguir ofendendo.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 47 votos
¿Cree que es suficiente la partida que los Presupuestos Generales del Estado destinan a Vigo y su área de influencia?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Termatalia
Powered by: PHPCow.com