Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Opinión

Centro dramático galego

por Ramón Latas - 10/05/2008

Malia ser só a terceira forza galega xurdida daqueles comicios, Coalición Galega demostrara nas eleccións autonómicas do 85 que, efectivamente, en Galiza había espazo electoral para unha forza autóctona de centro político, aínda que fose a anos luz de distancia do que supuña o PNV para Euskadi ou CiU para Catalunya. Sen embargo, Coalición Galega morreu vítima do seu propio éxito: a loita entre o sector máis "caciquil" e menos ideoloxizado; e o máis ideoloxizado e menos "caciquil", provocou a escisión que, ao igual ca en Euskadi dera no nacemento de EA, aquí deu lugar á aparición do PNG.

Desde aquela, o centro político autóctono non só non volveu ter éxito, senón que os seus intentos de rexurdimento foron fiasco tras fiasco, non sendo algunha vitoria puntual dalgún candidato con poder local nalgún concello concreto. Iso, sen ter en conta episodios grotescos desde o punto de vista ideolóxico, como aquel apoio ao estatal Partido Demócrata Popular nunhas europeas ou a coalición co mesmo nuns comicios locais naquel invento chamado "Coalición Progresista Galega". E que dicirlles do esperpéntico Partido Galeguista actual, do que as súas siglas se atopan arestora en mans duns desaprensivos que, sen o máis mínimo respecto á historia que tras delas se atopa, non tiveron reparo en darlles con elas abeiro a tipos como Carlos Marcos, candidato do PG á alcaldía da Coruña nas pasadas eleccións, que non só non empregou para nada o galego na campaña, senón que uníndose á extrema dereita coruñesa, reclamou a oficialidade do ilegal topónimo "La Coruña".

E como o home é o único animal que tropeza dúas veces no mesmo pedrolo –e se é político, non son dúas senón duascentas-, velaquí agora a nova de que Terra Galega e o Partido Galeguista (?) vanse unir para formar unha coalición de cara aos vindeiros comicios autonómicos. Non teñan coidado, o seu fracaso está escrito xa desde antes mesmo de que chegasen ao acordo. Porque o grande drama do centro político galego e a súa carencia de contido ideolóxico e a falla de compromiso con premisas fundamentais para quen pretenda chamarse galeguista, a troques de meter nas súas ringleiras a caciquiños locais que hoxe están acá e mañá acolá, ou a diplodocus do españolismo máis rancio. E mentres sexa así, sempre será un "centro dramático galego"

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 70 votos
¿Cree que Vigo es una ciudad ruidosa?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 

Warning: mysql_query(): 8 is not a valid MySQL-Link resource in /usr/home/vigometropolitano.com/web/cowadmin/functions/sql_functions.php on line 61
Powered by: PHPCow.com