Debe ser que só as mulleres somos animais mamíferos que nos reproducimos embarazo mediante. Os homes han reproducirse doutra maneira, talvez en laboratorio, talvez por polinización ou, quizais, sexan ovíparos. De non ser así resulta abraiante tal escándalo mediático polo embarazo da ministra Chacón. Os parladoiros redundaron unha e outra vez na súa “particular condición”, como se fose unha extraterrestre.
O dos méritos políticos e a capacidade para o cargo pareceulles secundario, tamén no caso das restantes ministras escollidas polo presidente Zapatero. Pero ¡unha ministra de Defensa embarazada! A rexouba chegou a ser realmente humillante e converteu unha cuestión tan natural para a especie humana como a reprodución nun verdadeiro estigma. É comunmente aceptado que as mulleres temos a “obriga social” de demostrar máis que os nosos colegas masculinos as nosas capacidades. Segundo o Estudo sobre a conciliación da vida familiar e a vida laboral en España do Instituto da Muller, o 40% das mulleres que deixan de traballar fóra de casa fano polo nacemento dun fillo fronte a un 2% dos homes. E, o peor, a metade das mulleres embarazadas son presionadas para abandonaren os seus empregos.
O dito, seguro que os homes non se reproducen parto mediante senón por polen ou laboratorio. O contrario sería incomprensible logo de tanto insulto. Aquí, o fragmento do poema Persona da poeta cubana Nancy Morejón, premio escritora galega universal da AELG: “¿Quien es esa mujer/ que está en todas nosotras huyendo de nosotras,/ huyendo de su enigma y de su largo origen,/ con una incrédula plegaria entre los labios/ o con un himno cantado/ después de una batalla siempre renacida?”
Rosa Aneiros. |