Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Opinión

Valerse dos Valedores

por Ramón Latas - 26/04/2008
Cando ámbalas dúas institucións comezaran a súa andaina, tanto o Valedor do Pobo galego como o “Defensor del Pueblo” español adoitaban ser persoas senlleiras, profesionalmente respectabeis e, sobre todo, humanistas de verdade, dos “de antes”. Calquera, desde calquera posición política e ideolóxica, sentía respecto e consideración cara a nomes como Joaquín Ruiz-Giménez, Álvaro Gil-Robles ou Fernando Álvarez de Miranda, no caso dos “Defensores del Pueblo”; ou por suposto, cara a Xosé Cora Rodríguez, o recentemente finado primeiro Valedor do Pobo que houbo neste país.

Lamentabelmente, o carisma (ou a falta de) dos seus respectivos sucesores, non ten nada ou case nada que ver co daqueles que os precederon. O caso do actual “Defensor del Pueblo” é unha boa proba disto. Don Enrique Múgica ten demostrado por activa e por pasiva que é máis “defensor” duns ca doutros. Permitiuse o luxo de aldraxar aos nacionalismos democráticos en numerosas declaracións que o descualifican para ocupar o cargo que está a desvirtuar. Podemos entender a dor e a rabia que lle puido producir o asasinato do seu irmán Fernando a mans de ETA. Pero se non é capaz de afastar sentimentos viscerais da obrigada imparcialidade do seu cargo, é mellor que deixe o sitio a quen saiba mellor “defender” ca “atacar”. Máxime, se entra na demagoxia barata de certa política e xornalismo ultras consistente en considerar a todo o nacionalismo como cómplice directo ou indirecto do terrorismo etarra.

E que dicir do que acontece aquí en Galiza co novo Valedor, don Benigno López? O comezo non puido ser máis desacougador: desautorizou os decretos normalizadores do galego, a lingua máis feble e con risco de extinción de entre as dúas aquí oficiais, malia os diversos estudos e análises internacionais que advirten do serio perigo da súa desaparición. O Valedor do Pobo, contra a lingua máis “desvalida”. E agora, nun ataque de sabe-Deus-que, monta un “pollo” para que un programa da TVG que ía ter por título “O Valedor”, mude de nome. Non terá cousa mellor que facer o señor López?

Sempre se van os mellores, Sr. Cora. A ver se desde onde vostede se atope nos axuda a atopar a alguén que nos devolva o seu espírito de Valedor ou o de don Joaquín Ruiz-Giménez. Mentres non chegue ese momento… Deus nos valla dos valedores.

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 100 votos
¿Cree que merece la pena el 'precio' que Tomiño debe pagar por la nueva autovía del Baixo Miño?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 

Warning: mysql_query(): 8 is not a valid MySQL-Link resource in /usr/home/vigometropolitano.com/web/cowadmin/functions/sql_functions.php on line 61
Powered by: PHPCow.com