|  | | | | | Yolanda Castaño. | | | |
O que levo mantendo nos últimos tempos ven de ilustrarse co exemplo da recente visita da Ministra de Defensa Carme Chacón ás tropas españolas en Afganistán: ela gañou ese posto despóis dun nomeamento honesto, xusto e merecido, pero agora ten que afanarse en sacrificadas campañas que sexan quen de acalar as voces e pensamentos dos que cren e murmurian que non.
En materia de igualdade tense avanzado moito poñendo en marcha medidas, decretos e leis. Pero o verdadeiro reto do feminismo, de cara ao futuro, pasa precisamente por todo aquilo que non está escrito, que non ven redactado. Todo un fondamente apegado entramado cultural que se manifesta –moitas veces case inconscientemente- en tópicos, reproches, estereotipos, desconfianzas e prexuízos.
Aos só cinco días de tomar posesión, unha Ministra embarazadísima ten que facer esforzos extra para demostrar que merece o posto para o que foi nomeada, para que non a fagan se sentir culpable por unha aventura tan valente e necesaria e natural coma a de ser nai, e para saír ao paso das suspicacias. Probablemente a un Ministro de Defensa non lle urxirían tanto todas esas visitas que Chacón pretende facer aínda antes de parir. Queda tanto traballo que facer por mor das conciencias!
Hai quen di que, se os homes tivesen a menstruación, existiría unha correspondente baixa regulada. Unha vez máis: un home merece o posto que ten ata que non se demostre o contrario, unha muller non o merece ata que se esforce en demostrar o oposto. |