|
A vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa, e o responsable de Cruz Vermella, Jorge Araújo, asinaron o venres dous convenios de colaboración a través dos cales a entidade provincial colaborará con 48.000 euros na posta en marcha dos programas de 'Animación e Respiro Hospitalario' e 'Sen Violencia Convivencia'. O programa de 'Respiro e de Animación Hospitalaria', que se desenvolve no hospital provincial de Pontevedra, ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento integral e as relacións persoais de nenos que padezan enfermidades de media ou longa duración, así como do seu entorno.
Así, a través dunha achega de 18.000 euros, o organismo provincial colabora con Cruz Vermella na posta en marcha de dúas accións principais. Dunha banda, ludotecas e aulas de xogo nas que se poderán desenvolver actividades de animación, de expresión, psicomotricidade, xogos, talleres, festas, lectura de contos, apoio escolar e visualización de películas, entre outras actividades. Doutra banda, o acompañamento en habitación con servizo de biblioteca, préstamo de xogos, xoguetes, apoio escolar e servizo de soporte e respiro dirixido ás familias.
No 2007 este programa desenvolveu 866 actividades didácticas (633 na sala da ludoteca e 233 en habitación) e prestou atención a 557 menores. No que vai de ano dende xaneiro ata abril de 2008) foron realizadas 261 actividades ( 185 na ludovermella e 76 en habitación) a través das cales foron atendidos 159 menores (72 nenas e 87 nenos).
Por outra banda, a Deputación destinará unha dotación económica de 30.000 euros para financiar o programa 'Sen Violencia-Convivencia', que ten por obxecto a prevención das condutas violentas nos centros escolares e é unha iniciativa que percorre os centros da provincia con todo tipo de actividades educativas para prever a violencia, o acoso escolar e situacións de discriminación. No 2007 participaron neste programa 1.342 rapaces de 27 centros educativos da provincia. Asemade, tomaron parte do mesmo a través de charlas, terapias e traballos 234 pais. Durante o pasado ano estructuráronse, ademais, seis grupos de convivencia nos centros IES A Cañiza; IES Sagrado Corazón de Pontevedra; IES Illa de Ons; IES A Sangriña; IES Antón Losada de A Estrada; e o CPR Monterrey de Vigo.
|