Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Gastronomía-Alimentación

‘Vinis Terrae’ converteuse no punto de encontro internacional dos viños e licores de Galicia

por Vm - 09/04/2008
O I Salón do Viño e Licores de Calidade de Galicia, ‘Vinis Terrae’, pechou onte 8 de abril as súas portas “convertido xa nunha excelente oportunidade para promocionar internacionalmente os viños e licores de Galicia”, segundo unha nota enviada hoxe pola organización.

 

Durante a súa clausura, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, asegurou que os viños galegos “son agora recoñecidos internacionalmente”. “Somos capaces de atraer ó noso territorio a importadores que poderán coñecer ó mesmo tempo a nosa estrutura produtiva e a nosa cultura vitícola baseadas na calidade, na tradición e na conservación de castes vencelladas ó territorio”, afirmou Suárez Canal. No acto estivo acompañado polo delegado provincial de Medio Rural, Xosé Rodríguez Cid, pola concelleira de Comercio de Ourense, Ana Garza, polo presidente da Comisión de Comercio Exterior da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, e por outras autoridades locais, provinciais e autonómicas.

 

A visita do Conselleiro de Medio Rural deu por clausurado un salón que durante dous días reuniu en Expourense a máis de 600 visitantes profesionais procedentes de 16 países (Alemaña, Austria, Brasil, Dinamarca, España, Estados Unidos de América, Finlandia, Irlanda, Noruega, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, República Checa, Rusia e Suecia). Tratouse do primeiro salón de carácter estritamente profesional adicado a promocionar os viños e licores de calidade de Galicia que posibilitou que empresas con capacidade exportadora coñecesen de primeira man os caldos elaborados polas máis de 80 adegas presentes no salón.


Esta necesidade de promoción exterior dos viños e licores de calidade galegos foi sinalada tamén, durante o acto de inauguración lo luns 7 de abril, polo director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agralimentaria da Consellería de Medio Rural, Antonio Oca, quen indicou que “temos produción de calidade e en cantidade pero o importante é dala a coñecer.

Llegada a Expourense del conselleiro de Medio Rural.





Alí onde se coñece o viño galego, hai demanda e salóns coma este axúdannos a potenciar a riqueza do noso país. O valor engadido de Vinis Terrae é que non só se lles presenta ó produto final embotellado senón que se lles ofrece a oportunidade de coñecer in situ as adegas, as prantacións e os procesos de produción”.

 

Durante a súa visita a esta feira, Antonio Oca destacou ademais a necesidade de que “os consellos reguladores traballen en equipo e superen localismos, xa que hai espazo no mercado para todos eles, para ofrecer unha oferta conxunta do viño de calidade”. O director xeral destacou ademais o feito de que o viño galego é un produto “non estandarizado, con personalidade propia no que cada denominación e cada marca é diferente, non como ocorre con outras denominacións de maior sona”.

 

O Salón contou ademais coa visita dunha delegación de importadores xaponeses participantes nunha misión comercial inversa liderada pola Cámara de Comercio de Ourense, unha misión de especial relevancia tendo en conta que Xapón é potencialmente un gran consumidor de viño galego e que conta ademais con alto poder adquisitivo.

 

Programa de actividades

 

Entre as actividades que tiveron lugar ó longo desta feira destacaron as catas-presentación ante os visitantes profesionais dos viños dos seis consellos reguladores de Galicia (Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei, Rías Baixas e Licores e Augardentes Tradicionais de Galicia) e a cata organizada pola Asociación Galega de Sumilleres Gallaecia, puntuable para o premio “Distinguidos Gallaecia 2008” que se entregará a finais de agosto na Coruña. Un panel de 15 catadores profesionais analizaron un total de 54 augardentes e licores galegos e destacaron “o importante incremento da calidade con respecto aos anos anteriores, sobre todo do oruxo Branco”, indicou o presidente de Gallaecia, Xurxo Rivas.

Participantes en la cata de licores y aguardientes.




 

Tamén tivo lugar o seminario sobre exportación de viño á República Checa impartido polo axente vinícola, importador e maiorista de viños, Pavel Klejna.

 

“Satisfacción xeral”

 

As enquisas realizadas pola organización “revelan o alto nivel de satisfacción acadado tanto polos importadores pola calidade do produto que se lles ofrecía, como polos adegueiros que destacaron a profesionalidade dos visitantes e a importancia e valor dos contactos realizados dos que agardan obter resultados a medio prazo”, continúa o comunicado.

 

A satisfacción acadada polos participantes e a implicación da Consellería de Medio Rural na promoción do viño e licores de calidade levan a pensar xa nunha segunda edición de VINIS TERRAE.

 

Entidades colaboradoras

 

Para a posta en marcha deste novo salón, Expourense contou coa colaboración de “Emporio Ferial S.A.”, empresa organizadora de Iberwine e do Salón Internacional do Viño de Madrid, e co patrocinio da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para o traslado de visitantes obxectivos.

Suárez Canal con Rubín y el jefe de Servicio de Medio Rural en Ourense.



 

‘Vinis Terrae’ contou ademais coa colaboración do Instituto Galego de promoción Económica, IGAPE, que informou ás adegas presentes no salón das axudas existentes para a internacionalización dos viños galegos. O IGAPE apoiará ademais o Centro de Negocios de VINIS TERRAE, onde se reuniron as adegas cos importadores interesados no seu produto.

 

Esta feira conta cun portal especializado, que recolle toda a información sobre os países e as adegas participantes, así como información sobre os consellos reguladores dos viños e licores de Galicia.
    
Sobre este artículo
3 / 5 (1 Votos)
Encuesta
Hay un total de 36 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com