|  | | | | | Ernesto Chao, actor. | | | | Tras rematar unha xira de máis de 60 funcións coa súa compañía
Lagarta lagarta e o espectáculo 'As últimas lúas', que se pechará mañá
en Betanzos, Ernesto Chao recollerá o martes pola noite o Premio de
Honra Fernando Rey da man dos seus compañeiros da Academia Audiovisual
Galega, da que foi o primeiro presidente. É tamén o primeiro actor que
recibe esta distinción, un novo recoñecemento que lle chega xusto
despois de levar o Premio María Casares pola súa interpretación en 'As
últimas lúas'.
Pregunta.-Premio María Casares por 'As últimas lúas' e agora Premio de Honra da Academia do Audiovisual, ¿é un ano de racha?
Resposta.-Si, é un ano afortunado. Para min son os dous premios máis
importantes que podía recibir, sobre todo o María Casares, que é un
premio de interpretación que dan os propios compañeiros de profesión. É
unha honra recibilo, sobretodo por un traballo do que estou
especialmente contento, que é o personaxe de 'As últimas lúas'. Faime
moitísima ilusión. Recibir un premio a unha traxectoria como é o
Fernando Rey, tamén me gusta moito, aínda que penso que traxectoria
aínda debo ter algunha por diante, porque non me vou retirar, así que é
un premio adiantado.
P.-De momento, ninguén o leva ao asilo, como ao seu personaxe...
R.-Non, non, para nada. (Ri)
P.-O Premio de Honra dos María Casares foi para o seu paisano Rubén García, pola Mostra de Teatro de Ribadavia...
R.-Merecidísimo pola súa parte.
P.-García retírase, ¿continuará con folgos a Mostra?
R.-A Mostra xa está en marcha, lévaa unha empresa e Rubén tamén está
nese equipo, doutra maneira, porque non pode facer tantas cousas, pero
estará supervisando. A Mostra seguirá adiante.
P.-Este domingo remata a xira de 'As últimas lúas', ¿e despois que?
R.-O final da xira danos moitísima pena, porque estamos moi
satisfeito, disfrutamos moito, pero Galicia é o que é e case xa a
percorremos toda. Deixámolo non porque esteamos aburridos nin moito
menos, senón porque non temos máis localidades onde ir. O mes que vén
xa nos poremos a ensaiar un novo espectáculo que se chama 'Aeroplanos',
dun autor arxentino que se chama Carlos Gorostiza, e vou ter o
privilexio de traballar cun dos actores de Galicia máis admirado por
min: Xosé Manuel Olveira 'Pico'. Imos facer un tándem que funcionará
ben, porque nos entedemos moi ben tanto persoalmente como
profesionalmente, e imos ser dirixidos por Rosa Álvarez, que seguro que
ten o espectáculo moi claro e que quitará de nós o máis que poida.
P.-¿Fará unha xira tan intensiva como a de 'As últimas lúas' ou xa non lle quedan ganas?
R.-Pois si, porque aínda non empezamos a ensaiar e xa temos 30
funcións vendidas para o segundo semestre deste ano. Estas cousas
funcionan así: ou as vendes con anticipación ou quedas na casa. Espero
que en número de funcións academos as mesmas ou máis que co 'As últimas
lúas'.
P.-E despois de preparar un espectáculo e ver que non quedan máis prazas en Galicia, ¿non pensan en saír fóra?
R.-Pensamos, pensamos, o que pasa é que é moi difícil saír fóra.
Primeiro, porque tes que facer unha versión en castelán e se non hai
unha mínima garantía de 10 ou 12 funcións, non as fas, porque non
compensa o esforzo se non hai un número de funcións suficiente. Está
moi difícil saír fóra.
P.-Saír fóra e gañar público son dous retos do teatro galego, ¿non?
R.-En realidade, nós tivemos bastante público, con este último
espectáculo alcanzamos os 11.000 espectadores, que nunca antes
conseguiramos, e non nos vai mal. Pero si que hai que crear público,
porque en Galicia nunca houbo unha demanda teatral por parte do
público. E para iso só hai unha fórmula: facer bos espectáculos que
interesen. Non hai outra.
P.-O tirón televisivo tamén conta...
R.-Pooois, si e non. Non creas, ¿eh? De feito, aseguróche que máis
da metade do público que foi ver 'As últimas lúas' entrou sen saber que
era eu, porque nin sequera saía no cartel e a min se me coñece máis
polo nome de Miro Pereira ca polo meu nome real. Penso que n'As últimas
lúas', funcionou moito o boca a boca, que se foi estendendo, e que o
espectáculo está ben. Pero o de ser un personaxe "popular" axuda un
pouco.
P.-Vén de rodar 'Os mortos van ás présas'...
R.-Si. Interpreto a un sarxento da garda civil, pero moi sui
generis. Todos os personaxes da película son un pouco surrealistas, é
unha comedia delirante e surrealista. Foi un personaxe que me encantou
facer porque para min era como un bombón de personaxe, e espero que a
película teña o éxito que merece polo esforzo que se está a facer por
levala adiante e polo empeño de actores, director e de todo o equipo.
Desta vez vai arriba.
P.-¿Está a preparar algún outro papel para o cine?
R.-Non, non, agora estou centrado no próximo espectáculo e non
preparo nada porque tampouco teño nada. Espero que me chamen
proximamente para outra cousa.
P.-É unha profesión difícil...
R.-Hai que ter paciencia, porque o que teñas un éxito ou dous non
quere dicir nada, podes estar na casa seis meses ou un ano sen que
ninguén te chame. Hai que estar preparado sicolóxicamente; se o estás,
lévase ben.
P.-Xa non quedan cines en Ribadavia, ¿séntese unha especie de exiliado?
R.-(Ri) Son un exiliado voluntario, vou de vez en cando. Non hai
cines, é unha pena. Eu, que fun e son cinéfilo empedernido, recordo
toda a miña infancia e a miña xuventude en Ribadavia, cando ía ao cine
diariamente, porque había tres cines, e agora non queda ningún; é unha
mágoa.
P.-Vostede fora presidente da Academia Audiovisual Galega, ¿percibe unhas loitas distintas a cando comezou?
R.-Avanzou moito a cousa. Agora mesmo a Academia está moito máis
consolidada, ten moitos proxectos, están a realizar iniciativas
interesantes como a Semana do Audiovisual Galego, e realmente está
medrando moi beneficiosamente a Academia. A min me chamaran cando a
Academia xa estaba medio argallada, pero a idea era potenciar o sector
audiovisual, e creo que está a cumprir o seu obxectivo.
P.-¿E hoxe en día que lle falta ao audiovisual galego para consolidarse?
R.-Para min, a asignatura pendente é o cine. Faise cine en Galicia
pero case sempre en sistema de co produción, pero cine realmente feito
con capital e con equipo feito totalmente galego é moi pouco. Está o
caso de 'Pradolongo' e de 'Os mortos van ás présas'. Son excepcións.
Falta facer un cine dende aquí e con actores de aquí.
P.-O de Miro Pereira é o seu papel máis popular, ¿tamén o máis querido?
R.-Eu querer, quero a todos, pero o máis querido non é. É un máis dos moitos que fixen, aínda que durou moito tempo.
P.-E despois de todos eses anos que o acompañou, ¿quedoulle algún tic del?
R.-Espero que non, e se os teño espero quitalos.
P.-A súa traxectoria, ¿cualificaríaa de comedia, traxedia...?
R.-É un conglomerado de todos. A xente coñéceme máis polos papeis
cómicos, e en concreto por Miro Pereira, pero teño feito moito drama e
moita traxedia, e penso seguir facendo. Un actor, se é verdadeiramente
actor, ten que dominar todos os rexistros, ou polo menos aspirar a iso.
|