Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Cultura-Espectáculos

Máis de 200 persoas participan no Encontro Internacional de Danza Mov-s Galicia na Illa de San Simón

por Vm - 17/06/2008
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, á sua chegada á Illa de San Simón esta mañá. SONIA DAPONTE/AGN

Máis de 200 persoas participan no Encontro Internacional de Danza Mov-s Galicia na Illa de San Simón, unha iniciativa que onte inaugurou a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

A Illa de San Simón, na ría de Vigo, concentra gran parte do intenso programa do Mov-s Galicia 2008, que terá lugar ata 18 de xuño. O Centro Coreográfico Galego (CCG) colabora co Mercat de les Flors de Barcelona na organización da segunda edición deste "espazo para o intercambio internacional da danza e as artes do movemento", que nesta ocasión ten como temática central as condicións para a creación coreográfica.

Dúas mesas de debate, seis grupos de traballo, presentacións de proxectos, testemuños de artistas e a exhibición de 12 propostas dan forma ao Mov-s Galicia, que estende a súa actividade a varios espazos da cidade de Pontevedra. A través deste encontro, para o que se conta con relatores chegados de diferentes países (Bélxica, Brasil, España, Francia, Irlanda, Portugal e Suecia), búscase identificar as condicións óptimas para que o proceso de creación se inicie con garantías de calidade e innovación. Neste sentido, a primeira das mesas xirará arredor dos fundamentos que permiten definir este contexto favorable para o proceso creativo, dando pé a tres grupos de traballo sobre o entorno e o acompañamento artístico, o coñecemento e o intercambio con outras culturas, e as complicidades artísticas e o fenómeno de Flandres, todo un referente histórico internacional do que tirar ensinanzas para o conxunto da danza. Trala segunda das mesas, centrada nos instrumentos para estimular a creatividade coreográfica, celebraranse outras tres sesións de traballo sobre as políticas culturais, as estruturas facilitadoras da creatividade e a documentación e a memoria da danza.

Mostra de proxectos

Mov-s 2008 terá tamén un espazo adicado á presentación de actividades, programas, novas ideas, etc. das distintas organizacións, grupos artísticos e institucións participantes a través da mostra de proxectos. Así, os vigueses Roberto Taboada (festival ALT) e Pedro Fresneda (Sala Ensalle), a barcelonesa Montserrat Prat (Institut del Teatre) e a valenciana Mariví Martín (Festival VEO) moderarán un total de catro sesións que incluirán dez presentacións de 15 minutos de duración cada unha. Tamén se impulsará a realización de reunións paralelas de organizacións, redes ou proxectos na Illa de San Simón, entre as que destaca a cita de IDEE (Intiatives in Dance Through European Exchange).

Para facilitar o intercambio entre as compañías e outros axentes culturais habilitarase un espazo no que os artistas poidan ter un contacto directo e persoal cos visitantes profesionais. Neste espazo poderán deixar o seu material promocional e empregar equipamento audiovisual para dar a coñecer o seu traballo.

Panorama creativo galego

No Mov-s Galicia 2008 darase a coñecer unha parte importante do panorama creativo galego contemporáneo. Esta programación estrutúrase en dous bloques, un primeiro no que se amosan espectáculos de sala xa estreados que se presentarán no Teatro Principal e no Pazo da Cultura de Pontevedra: A última produción do CCG Kiosco das almas perdidas dirixida por Roberto Oliván, 30.000, de Pisando Ovos e Cascuda, de Diego Anido. O segundo bloque fórmano unha serie de propostas abertas de creadores mozos galegos, que se presentarán nos exteriores e na capela de San Simón. Con esta programación o MOV-S propón un diálogo entre o creador e a propia illa con pezas concebidas especificamente para este espazo como Entre polvo y gusanos, de Marco Regueiro (cía. Lucier) ou Ecdisis-creación do CCG para o Mov’s dirixida por Erick Jiménez-, ou ben mediante a adaptación aos espazos da illa de traballos xa creados como Play da compañía Play & Rewind ou Hoxe na rúa... da coreógrafa Estela Lloves.

    
Sobre este artículo
Publicidad
Encuesta
Hay un total de 47 votos
¿Cree que es suficiente la partida que los Presupuestos Generales del Estado destinan a Vigo y su área de influencia?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com