|
Escritores en lingua galega, catalá e éuscara constituíron onte na localidade catalá de Poblet unha federación para defender conxuntamente os seus dereitos e intereses. Pola banda galega, asistiron o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, e a secretaria xeral do colectivo, Mercedes Queixas.
A presidencia da Federación será rotatoria. Neste primeiro periodo estará representada polo presidente dos escritores cataláns, Guillem-Jordi Graells.
A Federación nace no 25 aniversario dos encontros anuais entre autores das tres comunidades, e co obxectivo de representar, promover e defender os escritores nas linguas cooficiais minoritarias do Estado. Asemade, centrarase na coordinación da defensa dos dereitos profesionais dos escritores galegos, cataláns e vascos cunha maior eficacia fronte a organismos e institucións da administración pública europea, estatal e autonómica, así como privadas.
Entre as actividades previstas pola federación, destacan a difusión e promoción das respectivas linguas e da súa produción literaria nos distintos xéneros e soportes, o desenvolvemento de programas de investigación, formación e encargo de estudos monográficos sobre temas profesionais, a organización de congresos, seminarios, cursos, exposicións e outras actividades colectivas, a edición de documentos, estudos e traballos de divulgación e a participación en organismos públicos e privados.
Maior visibilidade social
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, defendeu a literatura creada polo escritores do Galeusca como "vehículo de comunicación da nosa normalidade como pobos", se ben destacou que "a fortaleza dos nosos sistemas literarios non se corresponde coa normalidade das nosas sociedades no uso do noso idioma nin nas condicións" que os escritores teñen para crear, así como "a maneira en que son divulgadas e postas en valor".
"Galeusca sempre foi unha escola do honesto coñecemento mutuo das nosas realidades nacionais", afirmou Cesáreo Sánchez, quen lembrou o labor dos escritores da posguerra que mantiveron os lazos entre os pobos e as literaturas, especialmente Salvador Espriu, Gabriel Aresti e Manuel María.
"O Galeusca que hoxe comeza agardamos que nos axude a pór na man dos nosos escritores instrumentos de mellora da súa realidade, das súas condicións de escrita, sexa persoal ou colectiva, mais sobre de todo será sempre unha escola de convivio entre as nosas literaturas", asegurou o presidente dos escritores galegos.
. |