|  | | | | | Busto na honra de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico de Galicia. AGN | | | |
Tres décadas despois de que Domingo Fontán entrase no panteón do Museo do Pobo, segue sen recoñecerse o seu nome e a súa maior obra: o primeiro mapa topográfico de Galicia
O pontevedrés Domingo Fontán Rodríguez dedicou 17 anos a percorrer cada palmo de Galicia para trazar un mapa ante o que Álvaro Cunqueiro asegurou ter o seu "grande encontro co país", e co que Ramón Otero Pedrayo se embarcou cara a América convencido de que con el ía "toda Galicia". O que se chamou o "rostro do país" é o primeiro mapa topográfico de Galicia, o primeiro realizado con rigor científico -de matemático-, ademais de cos pés na terra. Ese traballo, un referente sentimental e cartográfico, área na que non foi superado ata moitas décadas despois nin en Galicia nin en España, está a piques de cumprir 175 anos, un tempo tralo que, para moitos, aínda está pendente facerlle xustiza.
Algúns dos que o cren son os seus descendentes, que traballan dende unha fundación creada en Madrid no 2004; outros, os veciños do seu Portas natal, onde Fontán (1788-1866) é reivindicado dende hai res décadas por un colectivo cultural creado o mesmo ano no que as súas cinzas foron trasladadas ó Panteón de Galegos Ilustres. Esa lápida é o recoñecemento oficial ó labor dun home que, ademais de catedrático de Matemáticas Sublimes, foi deputado nas Cortes, pioneiro na fabricación industrial de papel en Galicia e promotor do seu ferrocarril, pero do que aínda non se fala nos libros de texto.
Esa é precisamente unha das reclamacións da Asociación Cultural Domingo Fontán, e unha carencia que constata o lucense Miguel Anxo Murado en 'Otra idea de Galicia', un volume publicado o pasado mes de abril no que revisa a historia e a explicación da comunidade, que percorre dende esa primeira carta xeométrica. Porque "Fontán tenía razón: Galicia está en su geografía".
E entre o 1817 e o 1834 o pontevedrés mediuna toda, a pé e en burro ou cabalo, apoiado nunha rede de triángulos que empezou a trazar dende a torre do reloxo da catedral de Santiago e á que, ademais das comarcas e rexións naturais e de cada accidente xeográfico, lle sumou referencias ata daquela non catalogadas, como máis de 4.000 igrexas. España non tivo nada semellante ata 130 anos despois, e o seu grao de detalle só foi superado pola cartografía feita por satélite, segundo asegura Murado.
O que é posible que non se lle supere nunca é o poder evocador, o que cativou a Cunqueiro desde as paredes do instituto de Lugo, o que guiou ó Adrián Solovio de Otero Pedrayo na súa identificación con Galicia e o que entre a diáspora de Bos Aires provocou na década dos 40 "bágoas, a ledicia dunha revelación, lembranza feita de súpeto corpo".
A Asociación Cultural Domingo Fontán está preparando en Portas unha casa biblioteca-museo para amosar os mapas, libros, fotografías. Porque, segundo din, Galicia ten aínda "un suspenso en Xeografía e Historia". |