|
Pescudador das raíces da identidade galega e divulgador para un público amplo. Son dúas características que rexiron a traxectoria de Xosé María Álvarez Blázquez, nas súas facetas como investigador, libreiro, editor, escritor, arqueólogo e activista.
Nado en Tui en 1915 no seo dunha familia vencellada á literatura e ao galeguismo, axiña sofre de preto a brutalidade da Guerra Civil: en agosto do 36 fusilan ao seu amigo Alexandre Bóveda, e en outubro, ao seu pai, Darío Álvarez Limeses. Bóveda convidárao a pronunciar un discurso sobre os mártires de Carral no 34, cando xa formaba parte das Mocedades Galeguistas.
Estes feitos levan ao seu desterro a Zamora, onde permaneceu ata o ano 1941. Daquela volve a Vigo, onde establece unha fábrica de ladrillos cos seus irmáns. Nestes anos, compaxina xa diversos traballos coa literatura, investigación e arquitectura.
No 1945 queda como finalista do Premio Nadal coa novela 'En el pueblo hay caras nuevas', fronte ao 'Nada' de Carmen Laforet, e un ano despois casa con María Luísa Cáccamo. No 1948, abre con Luís Viñas Cortegoso a librería anticuaria Monterrey, onde atoparía moitos dos documentos que lle valerían para as súas investigacións e publicacións sobre os Séculos Escuros e o Rexurdimento, combinando a búsqueda nas páxinas e nas excavacións como arqueólogo, eido no que colaborou con Fermín Bouza-Brey, e que tivo como froito os achádegos que se amosan no Museo Quiñones de León de Vigo.
Publica daquela o seu primeiro poemario en galego, xa que o seu primeiro libro de poesía publicado, 'Abril', a principios dos anos 30, fora escrito en castelán. Foi 'Poemas de ti e de min', co seu irmán Emilio, na editorial Benito Soto. Na lingua nai publicara tamén o libro de relatos 'Os ruíns', en 1936.
En 1950, a librería evoluciona en editorial, que daría saída a parte da súa propia produción literaria ('Roseira do teu mencer', 'Cancioeiro de Monfero' e 'Romance do escritor peleriño', así como 'La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo'), pero tamén a achados inéditos relacionados con Galicia, como 'El búho gallego', 'Vida y viajes literarios' de Frei Martín Sarmiento ou 'Santo da barba dourada' de Martín Torrado. Nesta casa publícanse tamén títulos como o 'Entremés famoso sobre da pesca do río Miño' de Gabriel Feixóo de Araúxo, 'Isa folla que vai polo río', de Augusto Casas, 'O desengano do prioiro' de Ramón Otero Pedrayo e a reedición da 'Cantiga nova que se chama riveira' de Álvaro Cunqueiro, así como dous títulos que marcarían o inicio da Nova Narrativa Galega, 'Nasce un árbore' e 'Memorias de Tains', de Gonzalo R. Mourullo.
No 1954 gaña ademais o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires con 'Canle segredo', que non se chegará a publicar ata o 76.
Este labor de erudición e creación lévano a ingresar na Real Academia Galega no ano 1964. Nese ano funda Edicións Castrelos cos seus irmáns, pero no 66 marcha a Oviedo. Volve un ano despois, debido á enfermidade da súa primeira filla, Colorín, e daquela decídese a profesionalizarse como editor á fronte de Castrelos e crea as coleccións O Moucho e Pombal, que contribuíron á popularización do libro galego. Baixo este selo, a obra de Rosalía, Curros e Pondal sería lido polo grande público, nun momento no que se demandaban voces propias. Así, co lema 'Libros do pobo e pra o pobo', O Moucho levaría a máis de 200 puntos de venda de toda Galicia obras como 'O catecismo do labrego', do Tío Marcos da Portela. Polas mañás, imparte clase na Escola Náutico Pesqueira de Vigo.
No 1971 volve publicar prosa en galego, 'A pega rabilonga e outras historias de tesouros', e no 1976 convértese en cronista oficial de Vigo, no mesmo ano en que se publica o seu gran poemario 'Canle segredo'.
Xa enfermo e canso e ante unha próxima revolución técnica no mundo editorial, Álvarez Blázquez vende os fondos de Castrelos a Galaxia no ano 79. O resto da súa vida dedicouno a continuar ordeando e preparando material achado para futuras edicións, que quedaron no caixón. Tamén continuou coa docencia ata o ano 83 e publicou o poema 'Solpor', no 82. A morte sorprenderíao en Vigo, o 2 de marzo do 85. |