|  | | | | | Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta (c), Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura (d), saúdan á dona do homenaxeado. | | | |
A Casa da Matanza de Padrón, máis coñecida como a Casa de Rosalía, acolleu hoxe o acto institucional do Día das Letras Galegas, que este ano rende tributo ao escritor, editor e investigador Xosé María Álvarez Blázquez.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o delegado de Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; e os conselleiros de Cultura, Sanidade, Educación, Pesca, Presidencia, Ánxela Bugallo, María José Rubio, Laura Sánchez Piñón, Carmen Gallego e José Luis Méndez Romeu, foron recibidos pola pancarta das traballadoras despedidas de Galicia Dixital que cunha pancarta e a ritmo de bombo reivindicaban estabilidade laboral.
A percusión da protesta mesmo semellou unha base rítmica ao estilo 'reggeaton' durante a interpretación 'Negra sombra' e do Himno Galego con instrumentos de corda no transcurso do acto, dentro da casa.
Ao acto asistiron tamén membros da Real Academia Galega e do sector cultural galego, así como familiares do homenaxeado. Os profesores Xosé Enrique Acuña e Xosé Luís Axeitos lembraron algúns dos aspectos do homenaxeado este ano.
O presidente galego fixo referencia ao debate lingüístico e salientou que "están condenados ao fracaso" todos os intentos de "escindir a cidadanía como dúas comunidades por causa da lingua" e avogou porque ambas linguas non se limiten a coexistir, senón que "teñen que convivir". Ao tempo, fixo fincapé no "proceso de recuperación lingüística no que Galicia está empeñada" e que, ao seu xuízo, debe acadar un "bilingüísmo libre e integrador".
"A lingua galega, ao igual que o castelán, é un patrimonio da cidadanía, tanto dos galego-falantes, como dos castelán-falantes e dos bilingües", engadiu Touriño, quen reivindicou para ambas linguas os mesmos "espazos de liberdade e igualdade", tras rexeitar unha "Galicia monolingüe".
Homenaxe a todos os creadores galegos
O máximo mandatario galego estendeu "a todos os escritores galegos e cultivadores da lingua galega" o tributo deste 17 de Maio dedicado a Álvarez Blázquez, a quen se lle "restitúe parte d amor que el lle entregou a Galicia".
Ao mesmo tempo, lembrou que a celebración conseguiu ao longo dos seus 45 anos de existencia "alcanzar unha importancia extraordinaria na percepción social da literatura galega". Así, gabou o traballo dos "vellos escritores" que "construíron un inmenso capital espiritual co que agasallaron a un país que noutros tempos estivo resignado a non ser".
Pola súa banda, Axeitos referiuse á incorporación da familia Álvarez á cultura galega: Emilio Álvarez Jiménez fora o primeiro biógrafo do Padre Sarmiento, "precursor da cultura galega", e máis tarde, Darío Álvarez Limeses ingresa no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre este mesmo persoeiro. O seu fillo, Xosé María Álvarez Blázquez, recollería anos despois a copia manuscrita de Manuel Murguía sobre as viaxes a Galicia de Sarmiento para a súa publicación.
Neste senso, lembrou que a celebración do Día das Letras Galegas é dende o ano 1963, "un discurso da memoria, da vida, non do esquecemento nin das institucións" e lembrou que "non hai ningún outro país que cada mes de xuño abra unha liña de crédito de todos os cidadáns cun persoeiro da cultura homenaxeado no Día das Letras". |