|
Co título 'Galicia pola radio', unha exposición e un congreso recuperarán para o público o patrimonio sonoro de Galicia, cando se cumpren 75 anos da aparición da primeira emisora na comunidade, Radio Galicia, que comezou as súas emisións en Santiago de Compostela en xaneiro de 1933.
As actividades de 'Galicia pola radio', presentadas hoxe en Compostela, comezarán o día 6 de novembro cun congreso no que ao longo de tres días, profesionais e estudosos dos distintos medios radiofónicos galegos contarán na Facultade de Comunicación de Santiago as súas experiencias.
A mostra, que se poderá ver en febreiro de 2009 na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago, permitirá lembrar os inicios da radio, programas e iniciativas innovadoras realizadas en Galicia, e contidos significativos, segundo explicou o comisario da exposición, Manolo Rodríguez, quen reivindicou os fondos sonoros como patrimonio do país.
O material estruturarase en cinco seccións: as orixes, nos anos 30, a popularización nos anos 40 e 50, a renovación dos anos 60-70, a radio da democracia e da autonomía, ata os anos 90, e a radio actual. Para iso, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a través do Arquivo Sonoro de Galicia, da Fundación Caixa Galicia, da Secretaría Xeral de Comunicación e da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago.
O catedrático Xosé Soengas salientou que a mostra permitirá non só analizar a evolución da radio en Galicia, senón tamén "coñecer unha radio viva, menos normativizada, máis espontánea", tamén a través das vivencias das persoas que fixeron radio nos anos 40 e 50 e que aínda seguen vivas.
"O trono da palabra"
O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, debullou na súa intervención as fases que atravesou a radiodifusión en Galicia. "Acubillada pola estrutura xurídica da Segunda República" e "apoiada pola iniciativa privada", as orixes da radio datan do ano 1932, co nacemento de Radio Galicia, se ben dous anos despois, practicamente todas as cidades contan xa coa súa emisora. A Santiago seguiríalle Ourense, Pontevedra, A Coruña, Vigo e Lugo, xa en 1935.
Salgado salientou os anos 50, unha época na que "malia a censura", a radio se converte "no medio por excelencia" xa que chega a todos os fogares. "Era o cordón umbilical que nos unía ao que acontecía fóra das nosas casas", lembrou Salgado, nunha época de "illamento e elevado índice de analfabetismo". Tamén remarcou a importancia do nacemento da Radio Galega, "a primeira integramente en galego", xa que se trata dun dos "instrumentos máis poderosos para preservar e difundir a lingua galega".
Por último, o secretario xeral reivindicou a "plena vixencia" e o futuro da radio, que segue a ser "o primeiro medio en inmediatez e o único que se pode compatibilizar con outras ocupacións". "A radio segue a ocupar o trono dun reino que lle é propicio, o da palabra", concluíu.
|