Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Magacine > Arte

O Museo de Pontevedra incorpora 55 novas pezas á colección de acibeches

por Vm - 02/05/2008

A colección de acibeches do Museo de Pontevedra, integrada por preto de 300 obras, ven de enriquecerse coa adquisición por parte da Deputación Provincial dun conxunto en si mesmo tamén sobresaliente: as cincuenta e cinco pezas pertencentes á colección conformada pacientemente por Carlos Martínez-Barbeito, recoñecida de xeito unánime como unha das máis destacadas existentes no ámbito privado. 


Destacan neste conxunto, por número e calidade, o grupo de figas, un total de trinta e cinco, datadas entre os séculos XVII e XIX, nas que cómpre salientar as de maior tamaño, caracterizadas pola profusión decorativa e a presenza, en dúas, de imaxes figuradas no cabo: un San Antón e un  Santiago representado como peregrino. Xunto ás anteriores, son tamén significativas algunhas das de menor tamaño, pois, aínda que non ofrezan decoración, si exhiben engarces e apliques  en ouro que contribúen a realzar a beleza natural do material. 


Completan  o conxunto os colares e gargantillas de contas facetadas así como os tramos de outros de maiores dimensións entre os que  cabe resaltar un que  remata cun escudo, de tipo ceremonial ou de gala, utilizado fundamentalmente por monxas ou abadesas. A estes se unen os colgantes e medallóns. Entre os primeiros atópase un de factura moderna –procede do moi afamado obradoiro dos Mayer, en Santiago–, especialmente interesante pola imaxe representada en releve, o busto dun Santiago Peregrino con  sombreiro de ala ancha con venera e bordón con calabaza. Dos medallóns, ademais de dous en forma de corazón coa imaxe de Cristo na cruz e un de forma ochavada coa efixie da Virxe, sobresae outro ovalado con orla dentada e releve con Santiago Matamoros. 

 

O resto da colección o integran, xunto a un crucifixo con remates e engarces de ouro, pezas de tipoloxía variada (unha placa cun baixo releve con rostro de muller; unha  travesa de collar con anxos tallados; un rostro de Cristo; un colgante en forma de venera e un pinjante oblongo con decoración de casetóns). 

 

Coa incorporación ós seus fondos deste valioso conxunto, moi coñecido entre os estudosos do acibeche por ter sido obxecto, hai anos, dunha publicación monográfica por parte do seu entón propietario, a colección do Museo de Pontevedra, reforza a súa significación non só desde o punto de vista cualitativo, senón sobre todo por ser a máis importante, en canto a número, reunida ata a data en todo o mundo. 

 

Conferencias

 

Por outra banda, como parte da programación do Museo sobre os Desastres de Goya, o día 6 de maio terá lugar a conferencia ‘Goya no Museo de Pontevedra’, que contará coa presenza dos poñentes Ana Barbazán Iglesias, Mª Ángeles Tilve e o director do centro, Xosé Carlos Valle.  

 

    
Sobre este artículo
Encuesta
Hay un total de 24 votos
¿Cree que la crisis se dejará sentir en las rebajas de verano?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 

Warning: mysql_query(): 8 is not a valid MySQL-Link resource in /usr/home/vigometropolitano.com/web/cowadmin/functions/sql_functions.php on line 61

Warning: mysql_query(): 8 is not a valid MySQL-Link resource in /usr/home/vigometropolitano.com/web/cowadmin/functions/sql_functions.php on line 61
Powered by: PHPCow.com