|  | | | | | O alcalde, esta mañá na Praza da Independencia. REMITIDA. | | | |
Vigo é dende hoxe a primera urbe de Galicia que ofrece aos cidadáns puntos de acceso gratuito a Internet na rúa, segundo anunciou o rexedor vigués, Abel Caballero, quen salientou que son 11 os puntos de acceso a Internet distribuidos pola cidade, dos que xa funcionan dous desde hoxe, na Praza da Independencia e no Paseo de Alfonso. Os cidadáns terán acceso gratuito á rede durante 10 minutos as 24 horas do día.
Mañá entrará en funcionamento o punto de conexión a Internet do Calvario, e progresivamente se porán en marcha os 9 restantes distribuídos pola cidade. O Centro Comercial A Laxe, Príncipe, e as prazas de España e América albergarán puntos de acceso libre a Internet, segundo explicou o rexedor.
Mediante estes dispositivos, os usuarios que o desexen terán acceso á rede as 24 horas do día nos once puntos que estarán habilitados polas rúas da cidade; unha conexión de balde que contará con 10 minutos de tempo restrinxido.
Os soportes permiten o acceso a diversas aplicacións e servizos informativos, mediante unha pantalla de 17 pulgadas de alta luminosidade para evitar os reflexos solares e cun trackball, ou bola de seguimento, deseñada para un uso intensivo.
Novos aseos públicos
O alcalde avanzou asemade a instalación de oito novos aseos públicos automáticos na zona de praias. Hoxe xoves xa está operativo o de Samil, ubicado no parque infantil, mentres que na próxima semana se poderá utilizar un segundo en Samil e dous máis no Vao.
A característica principal dos mesmos, segundo informou Caballero, é que son autolimpiables, con limpeza e desinfección automática tras cada utilización dos aseos. O tempo máximo de uso é de 30 minutos, prazo establecido como medida de seguridade.
Os aseos posúen un dobre sistema de seguridade que impide do accionamento do mecanismo de limpeza mentres se atopen usuarios no interior, foron deseñados especialmente para posibilitar o acceso ao usuario cunha cadeira de rodas. Contan asemade cun cambiador de cueiros para os bebés e un panel para iluminación natural e artificial, mediante un sensor que identifica a presencia do usuario no seu interior. |