|
A Real Academia Galega trasladará este ano a celebración do Día das Letras Galegas a Vigo, onde faleceu e desenvolveu a maior parte da súa actividade o autor homenaxeado este ano, Xosé María Álvarez Blázquez.
O programa de actos comezará ás 12.30 horas, cunha sesión plenaria extraordinaria e pública no Auditorio do Concello de Vigo, na que intervirán os académicos Darío Xohán Cabana, Víctor Fernández Freixanes e Xosé Luís Méndez Ferrín, así como o presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Para as 17.00 horas está previsto o descubrimento dunha placa conmemorativa na casa onde viviu ao longo de 40 anos Álvarez Blázquez, no número 180 da Gran Vía. As actividades da RAG co gallo do Día das Letras 2008 comezaran o pasado 26 de xaneiro, cun acto de lembranza no Pazo de Castrelos.
Camiñar e xantar
Pola súa banda, o Concello ten organizadas unha serie de actividades para este día. Así, o programa 'Camiña e coñece' servirá para visitar rúas da cidade moi vencelladas á cultura galega, como o lugar onde se publicou o primeiro libro de 'Cantares Gallegos' de Rosalía de Castro ou onde viviu o primeiro en traducir do grego antigo ao galego a Ilíada.
Ao remate na praza do Rei, aproximadamente ás 13.30 horas, haberá autobuses a disposición das persoas que o desexen para o seu traslado ao parque de Castrelos, para participar nun xantar popular, que comezará ás 14 horas. Os participantes poderán levar a súa propia comida ou ben recoller a súa “Cesta das Letras”, tras presentar o xustificante de pago.
A cesta, que está pensada para catro ou seis persoas a un prezo de doce euros por persoa, inclúe diversas bebidas, lacón, queixo de tetilla, polbo á vinagreta, ensalada rusa, chourizos galegos, lombo, iogur e torta de améndoas e froita, así como un mantel e as cuncas correspondentes gravadas cunha lenda conmemorativa. O xantar, para o cal instalarase unha carpa e mesas, estará animado polo grupo de gaitas Zurrumalla.
Pola tarde, ademais de música, haberá xogos populares tanto para adultos como para nenos, así como a posibilidade de participar nas visitas guiadas organizadas polo museo de Castrelos para percorrer a exposición 'Xosé María Álvarez Blázquez, arqueólogo de Vigo'.
Nesta mesma data, tamén se desenvolverán actividades relacionadas con Xosé María Álvarez Blázquez, o homenaxeado deste ano. Así, o Verbum acollerá obradoiros para nenos e nenas, de 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas, e lectura e gravación dunha selección de obras de Álvarez Blázquez, de 10 a 19 horas. Ademais, no Calvario, na praza da Independencia e na praza de Urzáiz haberá puntos de lecturas de fragmentos das obras do autor, e todas as persoas que participen na iniciativa recibirán un libro de agasallo.
Proxección cinematrográfica
Xa o 18 de maio, ás 12.00 horas, terá lugar a proxección do filme 'O concursante', nos Cines Yelmo-Cineplex. E o 20 de maio, Pilar Barciela impartirá a conferencia 'O arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez, buscador de tesouros', ás 20 horas na Casa Galega da Cultura. Os días 24 e 25 de maio continúan as actividades de títeres, en Saiáns e Candeán respectivamente, coa representación da obra 'Polgariño', a cargo de Artello Teatro. |