| |  | | | | | o Concello fixo un investimento de 182.000 euros. O nacionalista explicou que as melloras realizadas inclúen a colocación de varandas na fachada do mercado e na pasarela de conexión. REMITIDA. | | | |
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou este mércores as obras de reforma do mercado municipal de A Pedra na que o Concello fixo un investimento de 182.000 euros. O nacionalista explicou que as melloras realizadas inclúen a colocación de varandas na fachada do mercado e na pasarela de conexión co centro comercial, a limpeza da fachada e a apertura dunha nova oficina turística.
Tras a visita, na que estivo acompañado polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, o tenente de alcalde sinalou que na aposta pola recuperación do Casco Vello “é preciso ter en conta non só as grandes cousas, como a remodelación de Teófilo Llorente e a Porta do Sol ou a rehabilitación de edificios, senón tamén as pequenas cousas do día a día”. Neste sentido asegurou que a mellora do mercado de A Pedra é “unha actuación que había que facer polo que significa para o barrio”. Segundo explicou, esta visita ten por obxectivo “mostrar que as pezas por fin van encaixando para visualizar o Casco Vello que todos queremos”.
O tenente de alcalde avanzou que estas reformas se completarán con actuacións na rúa da Pescadería, coñecida como das Ostras, que comezarán o vindeiro 19 de outubro, unha vez que finalice a feira Conxemar. O proxecto inclúe a cubrición da actual estrutura cunha cuberta de cristal e o prazo de execución será de cinco semana.
Santi Domínguez adiantou tamén que o vindeiro ano se acometerán reformas na praza da Pedra, co obxectivo de unificar terrazas e toldos, “para que queden integrados co contorno”, así como o acondicionamento e a limpeza das escadas que conectan con Cánovas del Castillo. “Tras estas actuacións no contorno de Pescadería e A Pedra, cremos que quederá rematado e rehabilitado o primeiro punto que se atopan moitas das persoas que nos visitan”, destacou.
Teófilo Llorente
O tenente de alcalde cre que se están a dar pasos firmes para a recuperación integral do barrio e os resultados están xa a empezar a verse. A este respecto considera moi positivo o feito de que no último mes se teñen alugados xa catro baixos na rúa Teófilo Llorente para abrir establecementos de hostelería, o que significa que “o Casco Vello revive”. Esta rúa, recentemente humanizada, estase a convertir nun dos novos focos de atracción do Casco Vello. Santi Domínguez salientou a este respecto que as melloras que a humanización desta rúa, xunto ás obras se están levando a cabo no mercado de A Pedra e na Porta do Sol supoñen dúas novas entradas no Casco Vello.
A preguntas dos medios, o tenente de alcalde sinalou asemade que nesta mellora do Casco Vello tamén xoga un papel fundamental a rehabilitación de vivendas. Ao respecto asegurou que algunhas estarán “rematadas e postas a disposición dos usuarios e usuarias” entre finais deste ano e principios do seguinte. Sobre as relacións co Consorcio do Casco Vello, do que xa houbo unha primeira xuntanza tras o cambio de goberno na Xunta, indicou que son “normais”, “pero a súa sensibilidade verase nos orzamentos”, advertíu. Porén, manifestou a súa confianza que “continúe co compromiso mantido coa anterior Consellería de Vivenda”.
|