|  | | | | | Laura Sánchez Piñón visitou as aulas de Educación Infantil do CEIP Porto Cabeiro de Redondela. SONIA DAPONTE/AGN | | | |
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, realizou esta mañá un percorrido polo Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Porto Cabeiro, en Redondela, no que a Administración educativa galega realiza obras de ampliación e reforma, cun investimento total de 1,3 millóns de euros.
Na súa visita, a máxima responsable do departamento educativo galego sinalou que na primeira fase desta actuación, que contou cun investimento de 955.401 euros, ampliouse a superficie da planta alta e da baixa, ademais da execución dunha pequena zona de semisoto dedicada a cuartos de instalacións. Deste xeito, a superficie ampliada é de 1.931 metros cadrados útiles, dos cales 12,75 correspóndense co semisoto, 1.183,28 coa planta baixa, e 735,20 coa planta alta.
Na planta baixa situáronse as dependencias exclusivas de infantil, tres aulas de primaria, dúas de pequeno grupo, o ximnasio e vestiarios, así como os locais de instalacións, ademais de aseos de planta. Na planta alta ubicáronse tres aulas de primaria, unha aula de informática, a zona administrativa, despachos, biblioteca e sala de profesores, ademais dos aseos de planta.
Segunda fase
A titular autonómica de Educación sinalou ademais que proximamente se licitará a segunda fase desta actuación, cun investimento de 353.499 euros. Así, a superficie útil que se ampliará será de 572,95 metros cadrados (233,50 metros cadrados no módulo a rehabilitar e 339,45 no módulo central da aula de usos múltiples). Ademais, a superficie construída do patio central e o acceso ás aulas será de 305,80 metros cadrados. Deste xeito, no módulo a rehabilitar situarase o comedor, o servizo de despachos, un espazo multifuncional polivalente e aseos xerais. No módulo central situarase unha aula de usos múltiples, un almacén e aseos. Ademais, acondicionarase e urbanizarase a zona exterior, ao mesmo tempo que se cubre a zona de encontro entre as edificacións e a zona central do patio de xogos.
122 alumnos
Sánchez Piñón subliñou que esta obra constitúe "practicamente unha remodelación integral", e dixo que esta actuación incidirá "nunha maior matrícula para o vindeiro curso". Na actualidade, neste centro cursan estudos un total de 122 alumnos. |