|
O concello de Ponteareas elaborou xa os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán o concurso para a construcción do aparcadoiro soterrado na praza Gabino Bugallal, en pleno centro do municipio. Unha vez que rematou o período de exposición pública do estudio de viabilidade deste aparcadoiro e, ante a ausencia de alegacións, o Goberno local xa ten elaborados os pregos para a súa aprobación plenaria e posterior consecución técnica.
O estudio de viabilidade sometido a exposición pública analiza a finalidade da construcción desta infraestructura, fai un cálculo da previsión da demanda de uso e da incidencia económica e social desta obra na vila, e tamén inclúe un estudio de impacto ambiental cun apartado cos riscos operativos e tecnolóxicos na súa construcción. Este documento conclúe que o aparcadoiro soterrado na praza do Bugallal é viable economicamente, co que, segundo o Goberno de Ponteareas, da vía libre para que as empresas constructoras interesadas poidan ir preparando os seus proxectos.
O 29 de xaneiro de 2008, a Xunta publicaba no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se modificaba a ordenación urbanística provisional no concello de Ponteareas e que permitía ao goberno local comezar a tramitación necesaria para a construcción do aparcadoiro público soterrado na praza de Gabino Bugallal. Dezaoito meses despois de que fóra solicitado polo Concello, o 15 de xuño de 2006, a Xunta da o seu plácet ao decreto de modificación da ordenación urbanística necesario para executar esta infraestructura fundamental para a vila.
|